CRTVG

Buscar

Os gandeiros xa poden reclamar as perdas dos baixos prezos do cártel do leite

Publicado o 01/06/2020 10:42

Os gandeiros galegos xa poden reclamar a compensación polas perdas que lles supuxo no seu día o pacto dos prezos do leite. 

O primeiro é buscar asesoramento xurídico para que os guíen á hora de presentar a reclamación. Asesoramento xurídico coma o que ofrece Unións Agrarias. Falamos co avogado Isaac Lemus para afondar máis neste tema.

"Existe unha resolución da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia que impón unha sanción a unha serie de empresas lácteas e que castiga condutas que levaron a cabo estas empresas entre os anos 2000 e 2013", di Isaac Lemus.

"Foron condenadas por condutas graves que consistían en poñerse de acordo para concertar estratexias comerciais, repartirse o mercado ou facer intercambios de información que non podían levar a cabo sobre os gandeiros, en definitiva, para eliminar esa presión competitiva que debe existir nun mercado san", engade.

"Fálase de 3 céntimos por litro, pero temos que ser cautos e non podemos situar nunha cifra ese prexuízo", apunta o avogado.

O prazo para presentar as reclamacións remataría o 11 de xullo, malia que polas circunstancias excepcionais derivadas do estado de alarma se podería prolongar.

"Tendo en conta o número de explotacións que existían no ano 2000, poderiamos estar falando de 32.000 explotacións ou produtores afectados", di Isaac Lemus. 

 

 

 

Noticias web

01/06/2020