CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Aberto ao tráfico o derradeiro tramo do corredor Sarria-Monforte

Publicado o 27/11/2015 14:42



Dende esta mañá o traxecto entre Sarria e Monforte xa se pode facer integramente pola vía de altas prestacións. O último tramo, de nove quilómetros, abriu hoxe ao tráfico. Con esta obra, a distancia entre Lugo e Monforte pódese cubrir en só media hora. A evolución da economía e o volume de circulación condicionarán a conversión do corredor nunha autovía no futuro.

Os nove quilómetros que separan Bóveda e o enlace do Incio xa se poden percorrer en menos da metade de tempo. Esta mañá abriuse ao tráfico o derradeiro tramo da Vía de Altas Prestacións que une Sarria e Monforte, de case 28 quilómetros, que permite evitar unha ruta na que se suceden as travesías. O investimento neste último treito foi de 43 millóns de euros e coa súa posta en marcha xa se pode viaxar dende Lugo ata Monforte íntegramente por vía de altas prestacións. O tempo estimado do traxecto redúcese ata a media hora. A Xunta de Galicia ten pensado calibrar o volume de tráfico para, cando os orzamentos o permitan, desdobrar a estrada e convertela en autovía.

"Cando se dean as intensidades de tráfico suficientes e as condicións económicas necesarias para podela pagar, farase. Pero a posta en marcha desta vía é fundamental para a vertebración do territorio e así o reflicten os investimentos xa que estamos a investir máis per cápita nesta provincia ca nas outras", dixo Vázquez

A conselleira inspeccionou o novo centro de conservación de estradas do Incio e comprobou que o dispositivo contra a neve e o xeo está a pleno rendemento. Así, lembrou que na provincia de Lugo hai 380 quilómetros de estradas autonómicas nas que o clima de inverno supón un risco para a circulación e fixo un chamamento aos condutores para estremar as precaucións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí