CRTVG

Buscar

O colexio de Foz afectado por un gromo de covid xa ten abertas todas as aulas

Publicado o 30/09/2021 13:57

Con 36 casos activos, fronte a 17 no resto da provincia, o colexio público O Cantel de Foz suma a maior parte dos contaxios rexistrados nos centros escolares da área sanitaria de Lugo. Con todo, a situación está a mellorar e xa abriron a última aula que permanecía pechada neste centro educativo, onde chegou a haber ata catro aulas sen clases presenciais.

"Xa é un avance. Volveron repetir a PCR e ben. Polo menos, por unha parte, sabendo que os nosos van dando negativo imos estando un pouco máis tranquilos. Pouquiño a pouco, vaise avanzando". "Acabamos de chegar agora mesmo de Burela, de facer un cribado, por prevención, aos de 3º de primaria. A preocupación está, pero eu creo que vai estar todo o ano igual", sinalan varias nais.

Nas últimas 24 horas, a incidencia acumulada no concello de Foz descendeu ata os 600 casos activos por cada 100.000 habitantes. A día de hoxe, a vila mariñá conta con 61 positivos, moitos deles familiares dos alumnos do colexio do Cantel.

"A nivel xeral, penso que non hai preocupación en Foz, porque creo que a maioría son asintomáticos. Os nenos son aasintomáticos, e os pais si poden ter síntomas". "Están os familiares dos nenos que están no colexio, haberá xente que estivo en contacto... e acumúlase", din as veciñas da vila.

Xunto co Barco de Valdeorras, Foz é o único concello galego que se mantén no nivel medio de restricións.

Noticias web

30/09/2021