CRTVG

Buscar

Bos días

Aberta a ruta Carlos Casares en Compostela que percorre a vida e obra do escritor en Santiago

Publicado o 17/05/2017 09:43

Hoxe é o Día das Letras Galegas, pero a ruta de Carlos Casares en Compostela está aberta durante toda esta semana. É un paseo con guías para coñecer a obra do escritor homenaxeado, a través dos lugares que o vincularon a Santiago.

A ruta comeza na praza de Mazarelos e continúa uns metros máis adiante onde está a Facultade de Historia. Aquí chegou Carlos Casares en 1962, con 21 anos, para estudar Filoloxía Románica, en pleno franquismo. "Ademais de estudar estivo metido en política e fixo algo o falcatrueiro, presentou un acto co profesor López Aranguren e pasaron unha noite no cárcere" di a guía. O percorrido dura ao redor dunha hora e nese tempo os participantes van coñecendo a vida e a obra de Carlos Casares a través dos lugares que o vincularon a Compostela. "Hai que coñecer o contexto deste escritor tan importante e tamén a cidade onde estudamos". "Esperamos algo innovador e coñecer a traxectoria de Casares". "O restaurante asasino onde Casares con outros galeguistas facían aulas de galego". A ruta continúa pola rúa do Vilar, onde estaba a libraría Hernández, que tiña unha rebotica rica en libros prohibidos. O pazo de Xelmírez, onde exerceu como político, a casa de Ramón Piñeiro ou a Casa da Parra onde estivo o Pen Club que Casares dirixiu son tamén paradas obrigadas nesta ruta.

Ademais destes actos, a USC presentou o volume, 'Casares en Compostela'. E Ourense, a cidade onde naceu e da que é fillo predilecto, tamén lle rendeu homenaxe. Os seus fillos e os seus irmáns descubriron unha escultura que lembra a Carlos Casares no Liceo, ao que estaba moi vencellado.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

17/05/2017