Abel Caballero recunca na presidencia dos alcaldes españois
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu ser elixido para presidir catro anos máis a Federación Española de Municipios e Provincias. Segundo o rexedor vigués, os concellos están dispostos a asumir máis competencias, sempre que se lles transfiran os recursos necesarios, para o que pediu a reforma do seu financiamento.
Nun pleno ao que acudiron mil cincocentos alcaldes de toda España, Abel Caballero foi elixido para presidir catro anos máis a Federación Española de Municipos e Provincias. O rexedor vigués dixo que o poder local non aceptará máis competencias se non van acompañadas de recursos. Dixo:
"Poño por caso os incendios en Galicia. Competencia exclusiva da comunidade autónoma, ten financiamento e fai unha lei... e déixanos aos concellos a responsabilidade sen ningún recurso para facelo. Isto non pode ser. Claro que queremos esa responsabilidade, pero querémola con recursos".
Caballero avoga porque en paralelo á reforma do financiamento autonómico se faga o dos concellos. Ante a repetición das eleccións xerais, tras frustrarse o entendemento entre o PSOE e Unidas Podemos, Caballero púxose como exemplo:
"Eu nin pactei nin pactarei con Mareas-guión-Podemos. E iso levou a que a miña lista teña vinte concelleiros e a deles dous. É unha forma de facer política".
Caballero chega a este novo mandato na presidencia da FEMP á fronte dunha candidatura de consenso, co alcalde de Estepona, do PP, e a alcaldesa de Toledo, do PSOE, como vicepresidentes primeiro e segundo.