CRTVG

Buscar

Abel Caballero: "O proxecto de Vigo é transversal, non responde a un partido, nin tan sequera a min"

Publicado o 11/06/2019 11:14

O alcalde en funcións de Vigo, Abel Caballero, nunha entrevista no programa Bos días asegurou que o éxito do seu proxecto é que "é moi transversal. Non responde a un só partido político, nin tan sequera a min. É un proxecto de cidade que involucra toda a cidade".

Caballero, con máis do 67 por cento dos votos, foi o alcalde das grandes cidades do Estado que obtivo máis apoios. A pesar de que ten a investidura garantida, con esa máis que ampla maioría absoluta di que "levo unha semana de traballo intenso. Traballei máis que os que pactan. Isto ten que ver con gobernar".

Respecto ás negociacións de cara á formación de Goberno por parte de Pedro Sánchez, Caballero asegura que "a responsabilidade é doutros grupos que teñen que tomar decisións. O PSOE exclúe independentistas e a Bildu, e a partir de aí tense que constituír unha maioría".

O alcalde de Vigo tivo duras palabras para Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de marxinar a súa cidade.

"Pero se atende a Vigo eu póñolle unha alfombra vermella ao presidente da Xunta", afirmou, e acusouno de non desenvolver solo industrial na maior cidade de Galicia e de non investir alí. "Quere baleirar esta cidade, que lle contestou cos resultados electorais".

Noutras claves preferiu non entrar. Respecto ás eleccións autonómicas, dixo, "aínda queda un ano, o que importa agora son os concellos", e ante a situación doutras cidades, asegurou que prefería non dar consellos "non vou falar da Coruña, eles saben moi ben que facer".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/06/2019