Abascal pide unha reunión con Casado e Rivera para desbloquear a situación en Madrid e Murcia
PP e Ciudadanos firman un pacto de goberno para a Comunidade de Madrid. O acordo son 155 medidas e recolle a repartición do executivo. Os populares terían a presidencia e sete consellerías e Ciudadanos quedaría coa vicepresidencia e seis carteiras. Pero para facer realidade este acordo de goberno necesitan os votos de Vox.
PP e Ciudadanos apelan á responsabilidade dos de Abascal "Vox está a tempo de permitir que esta investidura se produza. Se bloqueara esta investidura, sería unha irresponsabilidade", di Ignacio Aguado o voceiro de Ciudadanos na Asemblea de Madrid. "É bo que primeiro vexan o acordo e despois nos digan por que non están de acordo. Fíxose todo o posible para que todo o que nos transmitiron no seu momento estea aí recollido", asegura Isabel Díaz Ayuso, a candidata do PP á Comunidade de Madrid.
A voceira de Vox na Asemblea de Madrid cualifica o acordo de vergoñento e asegura que non vai apoiar a Díaz Ayuso. A candidata do PP di que intentará ata última hora reunir os apoios suficientes para a investidura do mércores. Un pleno aínda sen candidato porque ningún aspirante ten o apoio necesario. Para desbloquear a sitaución de Madrid, e tamén a de Murcia, o líder de Vox propón un cumio cos líderes nacionais de PP e Ciudadanos. "Espero que este chamamento persoal a Albert Rivera e a Pablo Casado poida ter efecto. Apelo á gravidade da situación, a cortar o paso ao poder territorial do fronte popular", afirma Santiago Abascal, o presidente de Vox.
O PP xa aceptou o encontro. Desde Ciudadanos din que prefiren que a xuntanza sexa a nivel autonómico, pero tampouco descartan por completo a presenza de Rivera.
E se Rivera continúa sen querer sentar con Vox, Abascal avisa que a súa proposta para Madrid e Murcía será gobernos en solitario do PP e que Ciudadanos se absteña desde a oposición, igual que farían eles.