CRTVG

Buscar

Abanca tera que devolver cartos adiantados para a adquisición dunha vivenda fracasada

Publicado o 24/11/2020 14:19

Un edificio da rúa C de Lalín non chegou a rematarse nin a dispoñer da licenza necesaria para entregar as vivendas. Entre as ducias de persoas que contaban vivir aquí e a quebra da promotora lles frustorou os plans, hai dúas que teñen máis preto a recuperación dos cartos investidos no fracaso.

Pagaron sobre plano 120.000 e 80.000 euros hai máis de trece anos. A financeira da obra era Caixanova, antecesora de Abanca, que terá que afrontar as resolucións das demandas por incumprir unha norma daquela en vigor.

Ana González Fernández, avogada do despacho Xoán Antón Pérez-Lema: "Esa lei obriga os bancos a constituír un aval bancario sobre as contas en que se están a recibir eses ingresos á conta. Nestes dous casos a entidade non o fixo e o relevante da sentenza é que crea unha responsabilidade directa sen ter que pasar polo promotor entre a propia entidade bancaria e os compradores destas vivendas. É dicir, non esixiu un aval sobre estas contas en que se facían pagamentos adiantados e tampouco controlou nin advertiu a promotora de que tiña que ter unha conta especial sobre eses fondos".

Unha das sentenzas xa é firme. A outra ten, polo de agora, o ditame a favor da compradora, pero Abanca recorreu.

Desde o despacho de avogados Xoán Antón Pérez Lema lembran que en menos dun mes acaba o prazo para as demandas en casos similares.

A avogada do despacho Xoán Antón Pérez-Lema di que "estes prazos rematan todos o 23 de decembro deste ano, para que a xente que poida sentirse afectada por estas situacións, poida tamén tomar as accións pertinentes canto antes".

O edificio en cuestión, que aínda exhibe os carteis dos promotores Silva e González e da entidade financiadora, está agora en poder da Sareb.

Noticias web

24/11/2020