CRTVG

Buscar

Abanca decide renunciar á OPA sobre Liberbank

Publicado o 26/02/2019 22:41

Abanca decidiu renunciar á OPA sobre Liberbank anunciada o venres pasado. Non ve viable a operación. A entidade que preside Juan Carlos Escotet cre que non é posible unha operación sen coñecer con exactitude as contas de Liberbank e co prazo improrrogable de dez días imposto pola Comisión Nacional do Mercado de Valores.  

Abanca estaba disposta a ofrecer 0,56 céntimos de euro por acción, pero coa condición de que lle deixasen ver o estado real das contas de Liberbank, algo ao que se opuxeron os directivos desta última entidade e tamén a CNMV, que cre que as pretensións de Abanca non están contempladas na lexislación.

A entidade que preside Juan Carlos Escotet comunicou esta mañá que, nestas condicións, renunciaba a lanzar unha OPA sobre Liberbank, deixando claro que a petición de información sobre a contabilidade confidencial é totalmente lexítima. Pero ademais de esixirlle á Abanca a revisión das súas pretensións, a CNMV déralle un prazo improrrogable de dez días para decidir se presentaba ou non a OPA.

Onte á tarde, Liberbank emitiu un comunicado para asegurar que seguía adiante co seu proceso de fusión con Unicaja, posto en marcha hai cinco meses, e que non valoraría ningunha oferta que non fose en firme. A decisión de Abanca de renunciar á OPA fixo que as accións de Liberbank caeran esta mañá preto dun 10 %, e poñen o punto e final a unha operación corporativa que Abanca consideraba moi beneficiosa.