CRTVG

Buscar

Abanca gaña 402 millóns de euros entre xaneiro e setembro, un 0,9% máis

Publicado o 29/10/2019 13:12
Abanca gaña 402 millóns de euros entre xaneiro e setembro, un 0,9% máis

Abanca superou no primeiros nove meses de 2019 os 400 millóns de euros de beneficio neto ata alcanzar os 401,9 millóns, unha cifra que pasa os 398 millóns de resultado neto do mesmo período de 2018 e que en termos porcentuais supón un 0,9 % máis.

O balance da entidade feito público este martes recolle por primeira vez a consolidación de Banco  Caixa Geral, que contribúe a situar o volume de negocio de Abanca en 84.751 millóns de euros e a base de clientes en 2,3 millóns.

Esta operación, á que se une a integración de Deutsche Bank PCB Portugal realizada no segundo trimestre, sitúa a Abanca como sétimo banco español por recursos propios.

Descontando o negocio da entidade galega en Portugal e a achega de Banco Caixa Geral, o crecemento do crédito sitúase no 4,5 %, mentres que os recursos increméntanse nun 4,3 %.

Nun comunicado, a entidade que preside Juan Carlos Escotet informou de que o beneficio deste ano tradúcese nunha rendibilidade do 11,5 %, polo que o banco con sede en Galicia segue estando entre as entidades máis rendibles do sistema financeiro español.

Así mesmo, os ingresos recorrentes aumentaron un 6,9 %; os novos clientes ascenderon a máis de 80.000 no que vai de ano como resultado do foco na mellora da experiencia de cliente, o que coloca á entidade entre as dúas mellores españolas en atención comercial.

A taxa de morosidade sitúase no 3,1 % e mantén a cobertura de activos improdutivos máis elevada do sector (59,7%), engade a mesma nota.

Abanca conserva así a súa posición de solvencia, cun cociente de capital do 16,0 % e 1.326 millóns de euros de superávit sobre os requisitos regulatorios a nivel CET1.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí