CRTVG

Buscar

Abanca controla Nueva Pescanova ao converterse no seu accionista maioritario

Publicado o 27/03/2020 14:45

Abanca será o accionista maioritario de Nueva Pescanova. A entidade financeira que dirixe Juan Carlos Escotet controlará un 80,46 % dos títulos tras pactar con Caixabank e Banco Sabadell a compra das súas participacións, equivalentes ao 39,8 % do capital da multinacional pesqueira galega.

A operación formalizarase "nas próximas semanas", informa Abanca nun comunicado en que asegura que o fai para "salvagardar unha empresa fundamental para Galicia".

O plan de Abanca inclúe reforzar a estrutura financeira de Nueva Pescanova e os seus principais ámbitos de actividade corporativa e comercial, detalla na súa nota.

De acordo co seu plan, Abanca reterá unha "participación importante" no accionariado de Nueva Pescanova para avanzar na procura dun socio industrial que permita construír "un proxecto de valor a longo prazo en Galicia".

Entre os obxectivos desta operación figura "devolver os órganos de decisión a Galicia" e reforzar o apoio de Abanca ao complexo mar industria.

Abanca lembra que nos últimos anos foi aumentando de forma paulatina a súa participación no accionariado de Nueva Pescanova, desde o 5,465 % inicial ata o 40,66 % previo a esta operación que acaba de pechar con Caixabank e Banco Sabadell.