CRTVG

Buscar

A Fiscalía de Venezuela investiga a Guaidó pola suposta sabotaxe eléctrica

Publicado o 13/03/2019 09:37

Juan Guaidó liderou onte á tarde as protestas nas rúas de Caracas que el mesmo convocara para protestar contra os cortes eléctricos. O presidente da Asemblea acusa a Maduro de acentuar a crise eléctrica no país por un mal uso dos recursos e por ineptitude na administración do sector. 
Respondía deste xeito á decisión da Fiscalía de abrirlle unha investigación por suposta sabotaxe. 
 
A Fiscalía considera a Guaidó un dos autores intelectuais da sabotaxe. Horas antes deste anuncio, o presidente Maduro aseguraba que se faría xustiza sobre os supostos autores intelectuais do que chamou "golpe electromagnético" e informaba tamén de que vai pedir axuda á ONU e aos seus aliados Cuba, A China, Irán e Rusia para investigar este ataque contra o sistema eléctrico nacional, que, con todo, considera superado.

O ministro de Comunicación de Venezuela anunciaba nas últimas horas que conseguiran restablecer o servizo eléctrico en case todo o territorio nacional e tamén se puideron acender os sistemas de bombeo de auga.

Esta madrugada quedaba en liberdade con medidas cautelares o xornalista hispanovenezolano Luis Carlos Díaz, tras ser detido pola policía política acusado de instigar unha suposta sabotaxe da rede eléctrica do país. 

 

Noticias web

13/03/2019