CRTVG

Buscar

A xustiza rusa condena o opositor Navalni a tres anos e medio de prisión

Publicado o 03/02/2021 09:51
A xustiza rusa condena o opositor Navalni a tres anos e medio de prisión

A Xustiza rusa impúxolle hoxe ao líder opositor Alexéi Navalni unha pena de tres anos e medio de prisión ao facer efectiva unha sentenza suspendida de 2014 que foi cualificada de arbitraria polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A xuíza do caso ditaminou que Navalni, que volveu a Rusia en xaneiro tras recuperarse do envelenamento co axente químico Novichok, violou a liberdade condicionada ao non comparecer o pasado ano ante a autoridade competente. 

A sentenza satisfai a petición do Servizo Penal Federal (SPF) de converter en real a pena suspendida ditada no caso de estafa e lavado de diñeiro á compañía Yves Rocher Vostok. Os antecedentes deste caso recollen que, en 2014, Alexéi Navalni e o seu irmán Oleg foron condenados nun caso de fraude comercial e branqueo de capitais.

Estaban acusados do roubo de 26,7 millóns de rublos (case 500.000 dólares) da empresa de perfumería Yves Rocher Vostok, entre outros presuntos delitos. No caso de Alexéi Navalni, a sentenza xudicial establecía unha pena suspendida de 3,5 anos de prisión.

En 2017, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) condenou a Rusia por sentenzas "arbitrarias e pouco razoables" dos tribunais. Na sentenza feita pública hoxe, o tribunal desatendeu os argumentos da defensa, que considerou ilegal a decisión de prolongar un ano a liberdade condicionada ata finais de 2020.

Ademais, Navalni denunciou que non podía comparecer ante as autoridades penais porque se atopaba en Alemaña, primeiro en coma e despois rehabilitándose do intento de asasinato. Durante a vista o opositor encarouse coa xuíza e a fiscala, e na súa quenda de palabra asegurou: "Á historia (Putin) pasará precisamente como envelenador".

"Todos se convenceron de que el (Putin) é un simple funcionario de patacón, que foi posto no cargo por casualidade. Nunca participou nun debate. O seu único medio de loita é o asasinato", dixo.

Os avogados do opositor adiantaron que recorrerán a sentenza, que terá en conta os meses que Navalni xa pasou en arresto domiciliario, polo que, en principio, só terá que cumprir 2 anos e oito meses de prisión.

O Kremlin rexeitou todas as críticas occidentais á detención de Navalni e ao desproporcionado uso da forza por parte da policía contra os manifestantes nas multitudinarias protestas do 23 e 31 de xaneiro en apoio do opositor, en que foron detidas case 10.000 persoas.

A policía, que detivo hoxe máis de 350 persoas nas inmediacións do tribunal, pechou os accesos á Praza Roxa e reforzado a seguridade en varios lugares da cidade en previsión de protestas.

Noticias web

03/02/2021