CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

A xustiza ratifica o procesamento de Cristina Fernández na causa do dólar futuro

Publicado o 12/11/2016 14:48

A xustiza arxentina ratificou o procesamento da ex-presidenta Cristina Fernández na coñecida causa do dólar futuro, que a investiga por un presunto delito de fraude contra o patrimonio do Banco Central xunto a outros membros do seu executivo.

A Cámara Federal Arxentina vén de ratificar o procesamento de Cristina Fernández así coma un embargo de case un millón de dólares no marco da causa que investiga a venda, por parte do Banco Central, de contratos de dólares a futuro na recta final do seu goberno.

O ente xudicial ve delito nas accións de Fernández e os outros 14 acusados, entre os que se atopan o ex-ministro de Economía, Axel Kicillof. E asegura que hai probas suficientes que evidencian que tanto a ex-mandataria como o ex-ministro tiveron un papel central na decisión de defraudar o patrimonio do Banco Central, ao pautar un prezo moi inferior ao do mercado que supuxo perdas millonarias para o organismo bancario en beneficio de grandes corporacións.

Esta medida deixa a Cristina Fernández á beira do xuízo oral nunha das causas xudiciais na que, segundo os expertos, a ex-mandataria tiña máis fácil saír airosa.

Fernández tamén se atopa imputada noutras dúas causas que a investigan por un presunto delito de enriquecemento ilícito e por favorecer empresarios afíns durante o seu mandato.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí