CRTVG

Buscar

A xustiza ordena a reapertura da hostalería en Euskadi porque "non é un risco para a saúde pública"

Publicado o 09/02/2021 17:45

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) aceptou preventivamente a petición das asociacións de hostalería de permitir reabrir a partir de mañá os bares e restaurantes dos municipios que se atopan en 'zona vermella' pola elevada taxa de contaxios por covid-19. Respóndese así á petición de medidas cautelares solicitadas polos hostaleiros para permitir a actividade de bares e restaurantes nesas áreas, para evitar o grave prexuízo económico que o peche representa para o sector.

Estima o tribunal que, coas limitacións de capacidade e con medidas sanitarias como o uso de máscaras, a hostalería "non parece un elemento de risco certo e grave para a saúde pública", de maneira que desde mañá poderanse reabrir eses negocios en toda a comunidade autónoma, independentemente da incidencia da pandemia en cada localidade. A sala dá no seu auto un prazo de cinco días ao Goberno Vasco para recorrer esas medidas cautelares

 Ao seu entender, o Goberno vasco vulnerou “o principio de proporcionalidade, non atopándose xustificada a medida adoptada”, xa que supoñería graves consecuencias para o sector e o peche definitivo de moitos negocios e non respectou “o principio de seguridade xurídica ao non establecerse duración para o peche decretado”.

O TSXPV destacou que os hostaleiros pediron reabrir respectando as medidas restritivas que xa decretara o propio Gobierno Vasco en decembro, como ao 50 % de ocupación no interior de locais, con distancia de polo menos metro e medio entre persoas sentadas en mesas diferentes, agrupacións de 4 clientes máximo por mesa, prohibindo o consumo en barra ou de pé e co peche dos locais ás 20.00 horas e o de apertura non antes das 6.00 horas, podendo entregarse pedidos ata as 21.00 horas e a repartición domiciliaria ata as 22.00 horas.

Os hostaleiros da provincia da Coruña van seguir o exemplo dos vascos e van acudir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia . Será o terceiro recurso que presenten.

Precisamente os traballadores da hostalería son un dos colectivos para os que Andalucía pide adiantar a vacinación. O Goberno autonómico xa llo propuxo ao Ministerio de Sanidade na reunión para adaptar o calendario de vacinación a causa da vacina de AstraZeneca que non pode administrarse a maiores de 55 anos. 

Noticias web

09/02/2021