CRTVG

Buscar

A xustiza investiga o presidente da Deputación de Lugo por un presunto delito de prevaricación

Publicado o 21/05/2019 22:17

Darío Campos, presidente socialista da Deputación de Lugo, vai declarar nos xulgados como investigado por un posible delito de prevaricación administrativa. Campos recibiu a notificación xudicial hai doce días, pero foi hoxe cando se coñeceu a noticia, que afecta o seu labor como alcalde da Pontenova. Foi o alcalde de Becerreá quen informou do asunto e pediulle ao PSOE que aparte a Campos do seu cargo.

O presidente da Deputación de Lugo terá que declarar nos xulgados como investigado nun caso de prevaricación administrativa no exercicio das súas funcións como alcalde da Pontenova. Darío Campos foi citado hai doce días pero a investigación non trascendeu ata hoxe. Foi Manuel Martínez, alcalde de Becerreá e deputado non adscrito, quen a deu a coñecer e quen reclamou que os socialistas aparten a Campos da presidencia xa que el mesmo foi apartado polo PSOE hai catro anos por unha situación similar.

Manuel Martínez, ex-deputado do PSOE: "Eu pido coherencia o PSOE pero creo que non a ten nin a vai ter. Todos lembrades esa operación pola que Orozco e eu fomos expulsados e se nos negou o dereito a seren candidatos. Pois, ben, a día de hoxe temos a señora Lara Méndez e o señor Darío Campos imputados".

Darío Campos restou importancia á denuncia, que confía en que sexa arquivada, e di que Martínez só actúa por electoralismo.

Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo: "O importante son os case 25 millóns de euros do plan único que se van investir na provincia. Pero sempre hai quen quere enlamar e difamar, como fixo estes catro anos".

Campos foi citado a declarar polo Xulgado de Instrución de Mondoñedo e terá que comparecer na sede xudicial o vindeiro 9 de xuño. Martínez pide que o PSOE aplique un código ético que el tivo que acatar e que agora, asegura, o partido pretende ignorar.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019