CRTVG

Buscar

A xustiza europea anula a marca Yatekomo pola súa similitude coa empresa galega Yatecomeré

Publicado o 31/01/2019 14:53

O conflito comezou en 2013, cando unha grande empresa de alimentación solicitou o rexistro da marca Yatekomo. Neste negocio de Ribadumia, dedicado á elaboración de produtos gastronómicos de alta calidade, sorprendéronse pola similitude co seu nome, Yatecomeré, e entenderon que xeraba confusión.

Arturo Navas, director xeral de Yatecomeré: "Pensamos: isto pode facer que a marca se dilúa. Non deberiamos consentilo porque nós facemos un produto de altísima calidade, queremos traspasarlle á xente o noso bo facer. Somos cociñeiros, queremos que a xente coma os nosos produtos, pero un produto sen unha marca no tempo non é recoñecible".

E aí comezaron as súas reclamacións. Tras anos de litixios, acaban de recibir unha boa noticia. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea dálles a razón e rexeita o rexistro da marca Yatekomo. 

Arturo Navas, director xeral de Yatecomeré: "Significa que a xustiza existe, que os emprendedores non debemos ter medo de enfrontarnos a unha empresa máis grande. Se ti confías en algo, hai que loitar por iso e ao final ás veces gáñase. Isto é unha satisfacción enorme".

Unha satisfacción que lles dá ánimos para continuar loitando na defensa do seu produto e na expansión do seu negocio cando están a punto de abrir unha nova planta de produción.

Noticias web

31/01/2019