CRTVG

Buscar

A xustiza ecuatoriana condena o expresidente Correa a oito anos de prisión e impide o seu regreso á politica

Publicado o 07/04/2020 22:44
A xustiza ecuatoriana condena o expresidente Correa a oito anos de prisión e impide o seu regreso á politica

O expresidente de Ecuador Rafael Correa foi condenado este martes a oito anos de cárcere como autor do delito de suborno agravado. Perderá, con iso, os seus dereitos políticos durante 25 anos, segundo ditaminou o tribunal penal da Corte Nacional de Xustiza. Correa e o exvicepresidente Jorge Glas, quen foi o seu estreito colaborador, foron condenados como autores do delito de suborno, mentres que a maior parte da vintena de imputados na mesma causa foron declarados coautores e dúas exfuncionarias da Presidencia cómplices. 

 A sentenza acusa a Correa de liderar unha rede de corrupción entre 2012 e 2016 mediante a cal recibiu "achegas indebidas" no palacio presidencial de Carondelet para o financiamento irregular do seu movemento político, a esquerdista Alianza País, a cambio da adxudicación de millonarios contratos do Estado a varias empresas, entre elas Odebrecht.

Correa denunciou a "xudicialización da política" no seu país para inhabilitalo antes de que poida inscribirse como candidato para as eleccións de 2021: "Están desesperados para cumprir cos tempos e inhabilitarme para as próximas eleccións porque saben que se eu podo regresar gañamos as eleccións, e amplamente", indicou Correa en declaracións a Efe, nas cales criticou a "urxencia" do veredito do tribunal penal da Corte Nacional de Xustiza en plena crise pola pandemia de coronavirus. 

Noticias web

07/04/2020