CRTVG

Buscar

A xustiza ditamina a extinción colectiva dos contratos dos traballadores de Vulcano

Publicado o 09/10/2019 20:10
A xustiza ditamina a extinción colectiva dos contratos dos traballadores de Vulcano
O xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou este mércores auto no que determina a extinción colectiva de contratos dos traballadores de Vulcano (algo menos de 70 operarios), que serán indemnizados, tal e como establece a lexislación, con 20 días por ano traballado ata un máximo dunha anualidade.
Segundo o auto, ao que tivo acceso Europa Press, o administrador concursal do estaleiro vigués solicitou a extinción colectiva de contratos o pasado 24 de xullo e o período de consultas finalizou sen  acordo. A ese respecto, os traballadores solicitaban que se aplicase ao persoal un Expediente de Regulación de Emprego temporal, á espera de que aparecese un investidor que puidese manter o emprego e a actividade industrial en Vulcano, que este ano fai 100 anos.
Con todo, no seu auto, o maxistrado expón que se cumpren os requisitos para determinar a extinción dos contratos: "Danse as circunstancias obxectivas económicas e de falta de produtividade para a admisión da solicitude de despedimento colectivo".
O xuíz tamén sinala que a aplicación dun ere temporal é "inviable" pola "falta obxectiva de produtividade" e "a non existencia de expectativas reais de mantemento da actividade, por non concreción de oferta algunha".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí