CRTVG

Buscar

A xustiza avala que as empresas desconten parte do soldo a quen incumpre o horario

Publicado o 09/07/2019 14:21

As empresas poden descontar unha parte do soldo aos traballadores que incumpren o horario laboral. Así o establece unha sentenza da Audiencia Nacional, que desestimou un recurso presentado contra unha empresa que rebaixa o salario aos que chegan tarde.

A decicisión da Audiencia Nacional responde á demanda da representación sindical contra unha compañía de telemárketing. Denunciaron que a empresa restaba das nóminas a parte proporcional ao incumprimento do horario. O xuíz descarta que, neste caso, se trate dunha multa porque o desconto foi polo tempo en que non houbo prestación de servizo.

Ana Camiño- Avogada: "A empresa ten a obriga de pagar o traballo polo tempo en que se realiza. Se o traballador non está no seu posto e non executa o seu labor no tempo en que debería facelo, entra dentro dos dereitos da empresa descontar o tempo en que non realizou o seu traballo"

O xuíz tamén defende a decisión da compañía de rexeitar que os traballadores recuperen as horas perdidas noutros períodos. Segundo a sentenza, a distribución irregular da xornada é unha facultade da empresa.

Ana Camiño- Avogada: "Entre outras cousas porque hai empresas que teñen unha organización do traballo que está moi condicionada polos tempos e polos horarios de entrada e de saída. O incumprimento dos horarios pode supor un prexuízo económico para a empresa porque ten que parar, non dar o servizo que ten contratado, etc."

Canto á imposicion de sancións por chegar tarde, a empresa argumentou que só se aplican nos casos reiterados e por ausencias inxustificadas.

 

Noticias web

09/07/2019