CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

A xustiza arxentina procesa a presidenta da asociación Nais da Praza de Maio

Publicado o 19/05/2017 21:35



Na Arxentina foi procesada Hebe de Bonafini, a presidenta da asociación pro dereitos humanos Nai da Praza de Maio. Está acusada de malversación de fondos públicos a través dun proxecto de construción de vivendas sociais.

Finalmente a Xustiza procesou a controvertida Hebe de Bonafini, titular da asociación Madres de Plaza de Mayo, por ter defraudado, supostamente, o Estado arxentino por valor de case 13 millóns de dólares a través do programa de construción de vivendas sociais "Soños compartidos".

Recoñecida internacionalmente pola súa loita en favor dos Dereitos Humanos durante máis de 4 décadas, Hebe de Bonafini converteuse en protagonista da historia arxentina despois de que os militares secuestraran dous dos seus tres fillos durante a última dictadura militar do país austral.

Kirchnerista incondicional, foi a boa relación de Bonafini co Goberno de Cristina Kirchner a que deu pé a que fora a Fundación de Madres de Plaza de Mayo a que administrase o proxecto que agora a levará ante a Xustiza.

Despois do seu procesamento, a activista arxentina de 88 anos, publicou un vídeo no que asegura ter a conciencia moi tranquila e recibir a medida coma unha honra, vindo do actual poder Xudicial e Executivo.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

19/05/2017