CRTVG

Buscar

A xustiza arquiva a causa contra cargos do Sergas investigados pola morte de doentes con hepatite C

Publicado o 27/11/2019 15:52

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago decreta o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións contra dous directivos do Sergas por atrasar o tratamento a pacientes con hepatite C por ser caro, uns doentes que acabaron falecendo. Félix Rubial, daquela director de Asistencia Sanitaria e Carolina González-Criado, que era subdirectora de Farmacia, foron imputados por homicidio por imprudencia grave profesional e por prevaricación.

No auto xudicial coñecido este mércores, o xuíz afirma que aos investigados non se lles pode imputar o falecemento dos pacientes con hepatite C. Di o maxistrado que esas mortes foron por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións de subministración dos fármacos. Rercorda o auto que Rubial e González-Criado non tiñan competencia para decidir a subministración dos medicamentos. O xuíz instrutor sinala, ademais, que non se pode concluír que, se recibisen ese tratamento contra a hepatite C, a morte dos pacientes se podería evitar.

Este arquivo da causa non é firme, aínda cabe recurso de apelación.

Satisfacción no Sergas

Desde o Sergas están satisfeitos co arquivamento desta causa. O xerente do Servizo Galego de Saúde di que o auto xudicial confirma que a actuación dos profesionais do Sergas foi a correcta. Fernández-Campa recordou tamén a colaboración da Consellería de Sanidade coa xustiza.

Desacordo dos afectados

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C manifestou este mércores o seu "desacordo" co auto que arquiva o caso e anunciou a súa intención de presentar recurso. O auto, que asina o xuíz Andrés Lago Louro, determina o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto dos cargos do Sergas (Félix Rubial e Carolina González-Criado) investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por supostamente non facilitar ou atrasar o tratamento a pacientes da Hepatite C.

"Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes sexa imputable causalmente aos investigados", indica o documento xudicial. Nel, engádese que "o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos".

Nun comunicado, a plataforma remarca que a causa se instruía neste xulgado desde hai 3 anos e oito meses, e sitúase en desacordo coa resolución.

"Ao contrario, o coñecemento de determinados feitos e documentos que tivemos no transcurso deste proceso reafírmanos na nosa opinión de que as cousas non se fixeron como se deberían", sinalou o portavoz da Plataforma, Quique Costas.

"Dunha primeira lectura" do auto, entende que se basea "exclusivamente nalgúns testemuños e informes" mentres que non se teñan en conta outros que "resultan abertamente cuestionadores" de como se actuou desde o Sergas. "O auto cita testemuños e informes xenéricos emitidos por persoas e organismos que non están especializados na materia, mentres se desprezan as declaracións prestadas por médicos especialistas e responsables de farmacia que estiveron directamente implicados nos tratamentos dos pacientes que figuraban na denuncia", remarcou Costas".

A xuízo da Plataforma, os feitos que figuran na denuncia presentada pola Fiscalía e á que se adheriu a entidade "non foron no substancial desacreditados nas dilixencias practicadas na instrución sumarial". Por iso, recorrerá o auto. Finalmente, a Plataforma manifestou a súa "total solidariedade" coas familias das vítimas e reafirmarlles o seu compromiso de seguir loitando "ata o final" porque se aclaren as circunstancias da súa morte, de forma "que se faga xustiza" e poidan ser "reparadas". Tamén agradeceu publicamente "o traballo de firme defensa do coñecemento da verdade" feito pola Fiscalía.

 

Noticias web

27/11/2019