CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno "que non faga política" coas vacinas de AstraZeneca

Publicado o 28/05/2021 13:15

• A Xunta di que a campaña de vacinación seguirá igual. Hoxe póñense segundas doses en Vigo e Santiago

A ministra de Sanidade lembra que non se elixe vacina

O presidente da Xunta reclámalle ao Goberno que "deixe de converter en política" a cuestión da segunda dose de AstraZeneca e repróchalle que "informe de mortes por trombos" cando a maioría de menores de 60 anos inxectados coa primeira escolle esta vacina, en lugar de Pfizer.

"Preocupado porque o Goberno informe de mortes por trombos cando a maioría de cidadáns se inclina por unha opción diferente á súa", escribe Alberto Núñez Feijóo na súa conta oficial de Twitter.

Engade unha esixencia para coñecer "TODA a información de TODAS as vacinas con inmediatez" e reclámalle ao Executivo de Pedro Sánchez que "deixe de converter en política unha cuestión que só é científica".

O presidente galego publica o chío logo de que este xoves o Ministerio de Sanidade instara as comunidades a dar unha mensaxe única sobre as vacinas para non crear incertezas. Ademais, comunicou que en España hai 20 casos confirmados ou con dúbidas de trombos asociados á vacina de AstraZeneca, dos que catro faleceron.

Na Xunta din que a campaña de vacinación seguirá como ata agora, por recomendación das autoridades sanitarias e segundo se acordou no Consello Interterritorial de Saúde. E acusan ao Ministerio de crear intranquilidade e medo cun informe que nin sequera publican. O vicepresidente, Alfonso Rueda, pedíalle este venres ao Goberno "transparencia e rigor".

A Xunta de Galicia sempre se amosou partidaria de completar a pauta con AstraZeneca a aquelas persoas menores de 60 anos vacinadas coa primeira dose desta marca. De feito, xa comezou a vacinación daquelas que o demandaron. Segundo datos do Goberno galego, un 87 % do total.

 

Noticias web

28/05/2021