CRTVG

Buscar

A xuntanza entre Casado e Sánchez remata sen achegamento

Publicado o 17/02/2020 16:41

• O líder da oposición esixe ao Goberno que renuncie á mesa de diálogo e este lamenta que o PP siga no bloqueo

As dúas partes coinciden en sinalar que a hora e media da reunión tivo un ton cordial. No que xa non teñen acordo é na responsabilidade de que o encontro rematara sen ningún achegamento. As acusacións e os reproches de bloqueo son mutuas.

"O PP non se moveu nin un milímetro da posición de bloqueo coa que inicou esta lexislatura. Está nos mesmos postulados", di María Jesús Montero, portavoz do Goberno.

"Eu non son o do non é non. O do non é non foi Sánchez, en campaña, na oposición e, por desgraza, o non é non ao constitucionalismo desde o Goberno", asegura Pablo Casado, presidente do PP.
Enriba da mesa estaban o financiamento autonómico, as pensión ou os orzamentos. E, tamén, a renovación de órganos como o Consello Xeral do Poder Xudicial ou o Tribunal Constitucional. Unhas renovacións para as que son impresicindibles o acordo entre o Goberno e o PP. E aí encallou o diálogo.

Casado condiciona calquera negociación á ruptura da mesa de diálogo con Cataluña. No Goberno acusan o PP de utilizar as institucións como "reféns" para impoñer a súa política.
"Non se poden utilizar como reféns outros poderes do Estado para conseguir o que non se gañou nas eleccións, na democracia ou nas urnas. Dito doutra maneira, para intentar impoñer a política do Partido Popular", afirma María Jesús Montero, portavoz do Goberno.

"A noticia non é se un partido bloquea ou non a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. A noticia é que hai un Goberno sentado nunha mesa negociando a autodeterminación cun partido que dixo que volvería facelo e que quere a independencia de Cataluña", di Pablo Casado, presidente do PP.
Malia a falta de achegamento, o Goberno insiste en que non pecha a porta a seguir dialogando co principal partido da oposición, e o líder do PP asegura que cada vez que o chamen acudirá ás reunións,

Noticias web

17/02/2020