CRTVG

Buscar

O Goberno esixe a Parter que respecte os compromisos asumidos nas plantas da Coruña e Avilés

Publicado o 28/04/2020 21:17

• O comité de empresa da Coruña ve decepcionante a xunta e pídelle ao Goberno contundencia

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, reclamou ao fondo de investimento suízo Parter Capital Group que respecte a legalidade, o contrato subscrito con Alcoa e os compromisos asumidos ata 2021, na reunión de tres horas que mantiveron sobre o futuro das plantas de Avilés (Asturias) e A Coruña.

Na sesión de traballo tamén participaron os gobernos autonómicos de Galicia e Asturias, os comités de empresa desas dúas plantas; nela, todas as partes puxeron en dúbida os plans de investimento de Parter e a solvencia do Grupo Risco.

Segundo dixeron fontes coñecedoras do contido da reunión, Blanco pediu a Parter que ofreza garantías de viabilidade de ambas as plantas e de mantemento dos postos de traballo e instouno a verificar a solvencia do Grupo Riesgo e do fondo austríaco para levar adiante o investimento de 250 millóns que comprometeu.

Os representantes suízos aseguran que confían tanto no Grupo Riesgo como no fondo austríaco. Poucos meses despois de comprar a Alcoa as plantas de Coruña e Aviles e comprometerse a manter o emprego durante dous anos, Parter vendeu a maioría do accionariado ao Grupo Riesgo, o cal produciu desconfianza entre os sindicatos e administracións públicas arredor dos seus plans para estas antigas fábricas da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa, tanto no que se refire ás capacidades produtivas como ao emprego.

A reunión deste martes, convocada polo Ministerio de Industria, realizouse de maneira telemática debido ao estado de alarma por mor da crise do coronavirus.  As partes quedaron en que volverán verse, aínda que non fixaron data.

Unha xuntanza decepcionante, segundo o comité de empresa da Coruña

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, cualificou a xunta como decepcionante. López Corbacho asegura que o Ministerio "non aclarou" se esta compravenda vai saír adiante nin cal vai ser o futuro da planta, porque Parter "mentiu a todos" e "obrou de maneira escura" e "tratando de enganar".

E é que Parter trasladou que "aos poucos días" de facerse coas plantas "xa estaba a negociar" un traspaso destas cara a Grupo Riesgo pero non o comunicara debido a un acordo de confidencialidade. Reprocha que esta situación "é unha tomadura de pelo enorme" ao Ministerio de Industria, que "non fiscalizou como debería" a venda realizada no seu día por Alcoa. "Non imos esquecer nunca que o Goberno dixo que esta ía ser a solución, e agora que o enganaron, aquí non aparece un informe de ninguén, da solvencia desta xente, de nada", censura López Corbacho.

Opina que se ocasionou "un gran prexuízo" para os traballadores, ao non se ver "nin un só investimento" en nove meses desde que Parter se fixo coas plantas nin haber un desenvolvemento industrial. Actualmente, a planta da Coruña traballa con normalidade, máis aló dos "servizos reducidos polo tema da COVID", pero "como se estaba cando se vendeu".

Os traballadores reclaman ao Goberno "contundencia" e que se "interveñan" as empresas para fiscalizar os investimentos e que se "tutele" ata que se resolvan os proxectos previstos.

Noticias web

28/04/2020