CRTVG

Buscar

A Xunta volve habilitar a vacinación sen cita este venres e o domingo pola mañá

Publicado o 16/09/2021 16:12

EFE/Xoán Rey

EP

A Xunta de Galicia volveu habilitar a vacinación sen cita nos centros masivos galegos este venres e na mañá do próximo domingo, a partir das 9,00 e ata as 15,00 horas. Así o comunicou este xoves o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Goberno. Ademais, tamén para este venres, o sábado e o domingo pola mañá, habilitaranse autocitas para a inoculación da primeira dose (que xa se poden solicita); mentres que durante todo o sábado, mañá e tarde, citarase a aqueles galegos que recibisen a primeira dose de moderna para recibir a segunda vacina e completar así a pauta.

O titular da Xunta destacou que Galicia é a segunda comunidade con maior porcentaxe de doses administradas contra a covid, o 99 % respecto ao 91,5 % da media estatal. Estes datos demostran para o presidente que "a repartición de vacinas non se fixo de forma axustada". A este respecto sinalou que Galicia é das comunidades que menos doses recibiu, xunto con Cataluña. "Isto pode ter xustificación dado que o 20% dos cataláns pasou a covid, polo que só necesita unha dose, pero en Galicia, tendo en conta que fomos dos que tivemos menos contaxiados, o lóxico sería ter máis dose para contestar a esa diminución de resposta natural", afirmou.

Por contra, o mandatario galego encomiou a xestión "excelente" do Servizo Galego de Saúde en canto á loxística do proceso, cun 89,4% dos galegos con pauta completa (a segunda comunidade en España) e un 93,3% coa primeira dose (a primeira).

Cos sistemas habilitados para os próximos días, Sanidade conta alcanzar o 90% de inmunizados o vindeiro luns. Con todo, Feijóo recoñeceu que aínda quedan persoas por vacinar e que o obxectivo é "chegar á máxima porcentaxe de vacinación, polo seu ben e polo ben da saúde pública". É por este motivo que o presidente avanzou que, unha vez se analicen os resultados dos sistemas implantados para esta fin de semana, estudarase que facer con estes grupos.

Analizarán se habilitar puntos de vacinación en centros de saúde, nun centro "máis comarcal", aínda que non concretou ningunha estratexia aínda e incidiu en que "se verá a proposta máis axeitada tras o o estudo" e en que, ademais, agora "hai que pensar nas terceiras doses en residencias, a inmunodeprimidos, etc". 

Noticias web

16/09/2021