CRTVG

Buscar

A Xunta ve negativa a rebaixa das cotas de pescada, xurelo e a cigala que propón Bruxelas

Publicado o 24/10/2019 21:10

A Comisión Europea (CE) propuxo este xoves drásticos recortes nas posibilidades de pesca de especies de grande interese comercial para España, como a pescada, o xurelo ou a cigala en augas do Atlántico e o Mar do Norte. Bruxelas presentou as súas propostas de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2020, que os ministros de Pesca da Unión Europea debaterán no seu tradicional consello de decembro, que cada ano trae interminables negociacións antes de chegar a un acordo.

Para a frota española os recortes que expón a Comisión afectan en particular a pescada, cunha baixada do 20 % en augas ibéricas e do 19 % nos caladoiros do norte, así como para o xurelo, con recortes do 41 % en augas ibéricas, do 50 % na zona que comprende desde o sur de Finisterre ata a rocha de Xibraltar e do 41 % no Gran Sol. No caso da cigala, a diminución das capturas sería do 23 % nas augas españolas entre Finisterre e a fronteira con Portugal e o caladoiro do Golfo de Cádiz.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cre que todo o que signifique "recortar as posibilidades de pesca" resulta "negativo" para o sector pesqueiro galego. Desta maneira, expresouse Quintana este xoves antes de dar comezo ao Consello Galego de Pesca que presidiu xunto cun grupo de expertos investigadores da USC no que presentaron un informe sobre o impacto de novas políticas europeas nas compañías galegas.  

A responsable do departamento de Mar criticou que a cota establecida de capturas para 2020 se reduza para a pescada, o xurelo e a cigala. Considera que rebaixar as cotas sempre será "negativo" para o sector. Explicou que, dende a súa posición, pretende "dar argumentos sólidos, con base científica" á Comisión Europea para "convencela" de establecer unha "política pesqueira común responsable".   Alude a que esta responsabilidade tense que levar a cabo no ambiental, así como tamén no económico e o social. O tres ámbitos resultan "fundamentais" para que a pesca galega siga sendo "viable", concluíu.

A frota galega perde dez millóns ao ano polo veto á corta da aleta dos tiburóns

A conselleira do Mar fixo estas declaracións antes de presidir o Consello Galego de Pesca e no investigadores da Universidade de Santiago presentaron un informe do impacto económico que ten para a frota palangreira de superficie galega a prohibición da Unión Europa de cortalle abordo a aleta aos tiburóns. O informe conclúe que esta prohibición supón unhas perdas para a frota de ata dez millóns ao ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019