A Xunta prevé diminuír á metade o tempo de valoración da dependencia

A Xunta de Galicia emprenderá unha "simplificación normativa e burocrática" para acelerar as valoracións das persoas dependentes. Segundo explicou Alberto Núñez Feijóo tras a xuntanza semanal do seu Executivo, o obxectivo é reducir á metade os tempos actuais.
O Plan de choque da dependencia, revisado polo Consello este mércores, tamén contempla o establecemento de equipos itinerantes de valoración, visitas a domicilio ou vías preferentes para determinadas doenzas graves, como a ELA.
Do mesmo xeito, prevé unificar a solicitude inicial de valoración coa PIA (Programa Individualizado de Atención), que ata o de agora era posterior, e recortar nun 50 % o formulario actual de "vinte e seis folios".
Segundo o presidente, na actualidade hai unhas 63.000 persoas en Galicia que cobran a axuda da dependencia, fronte aos 15.000 que había no ano 2009.