CRTVG

Buscar

A Xunta aprobará hoxe o plan para o ensino non presencial

Publicado o 23/09/2020 16:38

O Consello da Xunta aprobará mañá o plan de continxencia para o ensino non presencial ou semipresencial co fin de que o funcionamento do sistema educativo non se vexa afectado pola pandemia da covid−19, segundo anunciou este mércores o titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control no Parlamento. 

Na mesma xornada que os alumnos de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinos de réxime especial regresan ás aulas, Núñez Feijóo explicou que o plan galego que recibirá luz verde mañá preverá "máis ordenadores, máis persoal e máis medios" para o sistema educativo.

O presidente galego admitiu que na preparación do curso escolar se cometeron "fallos", pero insistiu nas peculiaridades que existiron este ano, xa que "de iniciar un curso escolar en plena pandemia non hai ningún antecedente en toda a historia próxima de España".

Precisamente a posta en marcha do curso escolar levou o fío desa primeira sesión de control ao Goberno no Parlamento. Ana Pontón e Gonzalo Caballero criticaron a xestión da Xunta. Feijóo lamentou que o BNG tenda unha man para o diálogo e coa outra alente folgas inxustificadas no ensino.

Críticas do voceiro socialista no Parlamento á xestión da Xunta neste inicio do curso escolar. Caballero rexeita que se estea a facer con normalidade e cre que o Goberno galego tivo tempo dabondo.

Feijóo lembrou que, a pesar de ter unhas eleccións en xullo, o Goberno galego foi o primeiro en aplicar o protocolo da covid−19 na educación. Dixo tamén que só un 4 % dos infectados en Galicia están no sistema educativo. E recordou que Caballero pedira celebrar as eleccións agora, cando estamos a vivir a segunda onda do coronavirus.

No BNG falan de improvisación por parte do Executivo galego na posta en marcha do curso escolar. O presidente di que o BNG tende unha man para o diálogo mentres coa outra convoca folgas inxustificadas.