CRTVG

Buscar

A Xunta urxe a aplicar medidas fiscais "inmediatas" para o sector primario

Publicado o 10/04/2020 12:44
A Xunta urxe a aplicar medidas fiscais "inmediatas" para o sector primario

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, enviaron unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, na que reclaman diferentes medidas fiscais de apoio ao sector primario, "de aplicación inmediata", para facer fronte ás dificultades que se lle presentan no actual estado de alarma pola crise provocada polo coronavirus.

Na misiva, ambos os conselleiros comezan mostrando, "desde a lealdade institucional", o apoio ás diferentes medidas adoptadas polo Goberno central, pero reclamando ao tempo a necesidade de contar coas comunidades autónomas no seu deseño e aplicación.

Así, propoñen que "de agora en diante" este tipo de decisións sexan previamente comentadas e consensuadas coas autonomías, co fin de lograr unha mellor adecuación ás características de cada territorio.

En relación coas medidas fiscais que reclaman, os conselleiros fan especial fincapé en dous. En primeiro lugar, a suspensión da presentación de autoliquidacións de impostos que teñan uns prazos de vixencia que venzan durante o estado de alarma, en especial o IVE, para todos os operadores do sector primario.

Así, demandan que se suspendan as autoliquidacións por este imposto, correspondentes ao primeiro trimestre de 2020, e que teñen como prazo límite o 20 deste mes, e engaden que esta suspensión "debería manterse cando menos ata o 20 de xullo", data da presentación das autoliquidacións do segundo trimestre.

En segundo termo, os titulares de Medio Rural e de Mar reclaman axilizar as devolucións pendentes aos autónomos e empresas do sector primario polo IVE, tanto as de exercicios anteriores como aos dos períodos de 2020 anteriores á declaración do estado de alarma.

Os conselleiros lembran na súa misiva ao ministro neste sentido, que as dúas medidas fiscais xa foron tamén demandadas polo propio presidente do Executivo galego ao seu homólogo do Goberno central, en referencia ao conxunto dos sectores produtivos. Lembran, así mesmo, que Galicia xa suspendeu os prazos de presentación de autoliquidacións dos principais impostos autonómicos ata o próximo 30 de xuño ou ata un mes despois da finalización do estado de alarma.

No escrito advírtese que esta suspensión, para pemes e autónomos, aliviaría boa parte do problema no sector primario e ademais considérase que sería asumible polo Estado e evitaría custos administrativos difíciles de cumprir na situación de confinamento. Por outra banda, permitiríaselles manter liquidez sen necesidade de acudir ao endebedamento bancario.

Por último, ambos os conselleiros propoñen que as devolucións do IVE se fagan neste mes de abril, xa que esta medida podería dar liquidez ás empresas galegas por un importe estimado de ao redor de 400 millóns de euros, considerando, ademais, que só en ramas de actividade como as conserveiras ou a industria de elaborados conxelados da comunidade galega estas devolucións de IVE pendentes poderían superar os 30 millóns de euros.