CRTVG

Buscar

O Sergas desconvoca os menores de 60 anos citados para vacinar con AstraZeneca

Publicado o 08/04/2021 13:23

A Xunta de Galicia decidiu suspender a administración da vacina contra a covid-19 de AstraZeneca a menores de 60 anos. Segundo informa nun comunicado, na xornada deste xoves desconvocou as 1.403 persoas que estaban citadas, pertencentes a colectivos de profesionais esenciais.

O Sergas tamén está reprogramando as citas dalgunhas persoas maiores de 60 anos, debido ao axuste das doses en cada unha das áreas sanitarias.

Estas decisións, subliña na nota, foron adoptadas tras a última xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Na reunión acordouse suspender a inoculación da vacina elaborada pola farmacéutica británico-sueca neste grupo de idade.

O acordo afecta nestes momentos a profesionais considerados esenciais para a sociedade dentro da estratexia de vacinación establecida polo Ministerio de Sanidade. Agora, váiselles reprogramar a cita.

En Galicia, hoxe estaba prevista a vacinación de docentes e persoal de educación infantil e especial, de centros de menores, axentes policiais e do servizo marítimo, entre outros.

Reprogramación de citas

Por áreas sanitarias, a reprogramación afecta 220 persoas na da Coruña-CEE; 161 na de Lugo, A Mariña e Monforte; 505 na de Vigo; 400 en Santiago de Compostela-A Barbanza e 117 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Nas áreas de Ferrol e Pontevedra-O Salnés non estaban programadas vacinacións de colectivos esenciais.

De acordo cos datos do Goberno autonómico, ata o momento administráronse en Galicia un total de 140.903 doses de AstraZeneca.