CRTVG

Buscar

A Xunta pedirá a ratificación do requisito do certificado covid na hostalería

Publicado o 12/08/2021 19:25

O TSXG anula a vixencia da medida decretada nos concellos con alta incidencia porque a Xunta non solicitou a autorización xudicial

BNG e PSdeG falan de "chapuza" e piden a comparecencia de Feijóo

A Xunta de Galicia solicitará ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a ratificación da solicitude do certificado covid para acceder á hostalería e ocio nocturno dos concellos cos niveis máis altos de restricións.

O Executivo galego considera que "o máis procedente é solicitar canto antes dita autorización para evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia destes certificados, e fomentar así a seguridade xurídica". A autorización solicitarase mañá pola mañá para obter o criterio do TSXG "de xeito inmediato".

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia manifestou que a medida non podía ter efectos porque non fora sometida a autorización xudicial, ademais de afectar dereitos fundamentais. A Xunta posiciónase ao respecto desta sentencia e asegura que "aínda que a Xunta entendeu que as medidas en cuestión non afectan a dereitos fundamentais, á vista do criterio posto de manifesto polo TSXG, o Executivo galego estima que o máis procedente é solicitar a autorización canto antes".

O Executivo asegura que os motivos desta decisión non eran outros que compatibilizar o libre exercicio destas actividades económicas coa maior seguridade sanitaria posible. Recordan que a medida se levou a cabo para evitar o peche dos locais de hostalería e ocio nocturno naqueles concellos en nivel máximo e alto.

Mentres, e á espera da resposta xudicial, para acceder aos bares e locais de ocio nocturno non é obrigatorio acreditar que se está vacinado ou que se ten un test negativo en coronavirus.

Reacción dispar na hostalería á resolución do Superior. Os hostaleiros que presentaron o recurso están satisfeitos coa anulación da esixencia do certificado covid. Lugo Monumental foi a primeira asociacion en pedir a suspensión da medida.

Pero moitos propietarios de negocios vían no certificado unha garantía sanitaria e para evitar o peche precisamente.A Confederación de empresarios da hostaleria de Galicia segue defendendo que era unha medida de seguridade e para evitar o peche.

A medida só se aplicaba nos concellos que estaban en nivel alto e máximo de restricións. A partir de mañá, só O Grove estará en nivel máximo e outros 55 municipios en nivel alto.
 

 

Noticias web

12/08/2021