CRTVG

Buscar

A Xunta solicítalle a Costas que peche algunhas partes das Catedrais

Publicado o 16/05/2018 21:14

A Xunta solicítalle a Costas que peche provisionalmente o acceso a algunhas partes da praia das Catedrais. A visita á praia podería estar moi controlada a partir de agora. Aínda non sabemos cando responderá Costas, nin que decisión vai tomar. Pero o accidente mortal do pasado mes de marzo e os informes sobre a falta de seguridade nalgunhas zonas das Catedrais fan pensar que ese acceso si estará bastante limitado. É posible que non se poidan visitar as covas, as furnas e os arcos. Pero, como dicimos, aínda non se sabe se se vai producir esa prohibición e cando se faría efectiva.

A praia das catedrais é o monumento natural máis visitado de Galicia. Calcúlase que no verán, ata catro mil persoas fan ringleira cada día para percorrer as súas covas e furnas. Dende hai anos, expertos e entidades varias alertan do perigo que pode supoñer esta saturación de visitas no areal. Perigo para a integridade do espazo natural, pero tamén para a seguridade das persoas. 

 O tráxico falecemento dunha moza en marzo, despois de caerlle unha rocha na cabeza, fixo saltar tódalas alarmas. Despois dese accidente, a Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia, fixo un estudo detallado sobre o estado e os riscos da zona. Apoiándose nas súas conclusións, a Xunta pide agora que se peche cautelarmente o acceso ás covas, furnas e arcos.A última palabra tena agora a administración do estado. Será Costas a que decida nos próximos meses se limita ou non a visita a certos puntos da praia das Catedrais.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2018