CRTVG

Buscar

A Xunta solicita o aval do TSXG para poder esixir o certificado covid

Publicado o 13/08/2021 12:00

• Feijóo defende que non é necesaria a autorización xudicial, xa que non afecta dereitos fundamentais e pide unha lei de saúde estatal

• O PSdeG pide dimisións: "A maioría absoluta non permite gobernar ilegalmente"

 EFE/EP

A Xunta de Galicia solicitou este venres a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para poder esixir o certificado covid para entrar nos locais de hostalaría nos municipios en nivel alto e máximo e no lecer nocturno dos que se atopen en nivel medio e medio baixo.

Segundo informaron fontes da Consellería de Sanidade, a documentación foi presentada á primeira hora desta mañá, despois de que onte o TSXG declarase que a medida, implantada o 24 de xullo, de solicitar o certificado de vacinación ou de proba diagnóstica negativa "carece de vigor" ao non pedir o Goberno galego a autorización preceptiva.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu que a responsabilidade dos sucedido onte é do Goberno central. "Vén acreditar que estamos ante unha lagoa legal, ante unha ausencia de lei estatal, e por iso as comunidades autónomas estamos a dar botes dun lado para outro en función da interpretación que fagan os tribunais superiores, e estes teñen dificultades para interpretar de forma homoxénea porque non hai unha lexislación homoxénea", dixo o presidente galego.

Segundo Núñez Feijóo, a asesoría xurídica da Xunta entende que de acordo coa lei de saúde galega o Executivo autonómico ten competencia directa para adoptar a decisión de esixir o certificado covid para acceder a locais de hostalería nos municipios con niveis alto e máximo de incidencia do virus. "A maioría dos países da UE están a esixir o certificado covid para entrar en lugares públicos pechados", continuou o mandatario galego, quen asegurou non entender que só se use para poder viaxar en avión.

"Non ten sentido que 18 millóns de pasaportes covid con dobre dose en España non teñan ningunha utilidade. Non ten sentido que esteamos a vacinar só para poder coller un avión. Non ten sentido que todo o esforzo de vacinación que está a facer España non teña efectos no ámbito económico", engadiu.

Feijóo mostrou a súa esperanza de que o TSXG acepte a proposta da Xunta para que Galicia volva incorporarse á dinámica que se está seguindo en moitos países da UE, que "o está facendo mellor que España". 

Horas antes Feijóo, en declaracións realizadas en Telecinco, reafirmouse en que a Xunta vía avalada a medida pola lexislación galega sen necesidade de recorrer previamente á Xustiza. De feito, Feijóo asegurou que no escrito que a Xunta presenta ante a Xustiza acreditarase "que a lei de pandemias galega -como se refire á reforma da lei de saúde autonómica- "lexitima" a comunidade para establecer esta esixencia sen necesidade de autorización xudicial previa. 

"Isto facémolo por varias razóns: primeiro porque a maioría de países europeos están a facelo; segundo, porque máis do 70 % da poboación galega ten a pauta vacinal completa, e terceiro, porque nos parece a forma máis segura para axudar a hostalaría a traballar sen limitacións e tamén para consumir en locais de localidades con incidencias altas", manifestou.  

A Xunta xa explicou onte, despois de estudar os autos do TSXG, que "o máis adecuado" era solicitar "canto antes" a autorización para evitar calquera dúbida en relación coa validez e eficacia dos certificados e que non a pediron con anterioridade por entender que "non afectan os dereitos fundamentais". Ademais, puntualizou que a esixencia do certificado covid "permitía a apertura dos interiores da hostalaría e restauración en situacións en que anteriormente estaban pechados, así como o lecer nocturno, en circunstancias en que anteriormente estaba suspendido".

Alivio na hostalería por non ter que pedir o certificado

Entrar hoxe nun local de hostalería en concellos de nivel máximo ou alto xa non implica presentar o certificado covid, para algúns clientes isto representa maior comodidade especialmente para moitos que aínda non teñen a pauta de vacinación completa e tiñan que realizarse algunha proba.
Pero a medida acóllese de moitas formas polos consumidores, algúns cren que era unha garantía de seguridade. E os hostaleiros acollen a decisión en xeral aliviados.

"Onte empecei a traballar desa maneira, sen pedir o certificado, e foi unha alegría porque era bastante incómodo, violento, sobre todo o turista non o entendía", recoñece Natalia Devesa Botana, do café bar La Carrilana.

Din que non están en contra da medida, pero si en ter que aplicala.

"Non estamos en contra do pasaporte covid en si, do que é, pero si que se nos obrigue a nós a aplicalo. Vemos que por fin se nos da a razón dunha norma que era ilegal e que non é da nosa competencia", di Sergio Fernández, propietario Pub Século IX. 

Agora agardan os vindeiros acontecementos despois de que a Xunta solicite o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para poder seguir esixindo o certificado covid na hostalería.

 

 

 

Noticias web

13/08/2021