CRTVG

Buscar

A Xunta recorre o auto que tombou o certificado covid na hostalería

Publicado o 26/08/2021 14:53

A Xunta de Galicia xa presentou un recurso contra a decisión do TSXG de invalidar o certificado covid, "unha petición dos propios hostaleiros", para acceder ao interior dos locais de hostalería, un pronunciamento que o Tribunal mantivo a pesar de presentar o Goberno autonómico, a posteriori, o aval xudicial necesario para a súa posta en marcha.

Así o comunicou este xoves o vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios tras participar na presentación da Rapa das Bestas en Sabucedo.

"A Xunta xa presentou un recurso contra a decisión do Tribunal que, aínda que respectamos, non estamos de acordo", asegurou Rueda, que puntualizou, ademais, que o certificado covid era unha medida "pedida polos propios hostaleiros". 

O vicepresidente aseverou que o Executivo autonómico "segue negociando" cos hostaleiros e que, "de feito, a proposta de abrir as barras vén desa negociación continua". "Nesta situación, hai que ser imaxinativos e buscar fórmulas para seguir traballando; hai que evitar non traballar", explicou Alfonso Rueda sobre o novo protocolo para o sector, que "se tentará pechar a semana que vén".

Con este protocolo, tal e como sinalou Rueda, non se dependerá tanto "das cifras sanitarias", senón de que "se cumpran medidas que garantan a seguridade sanitaria, independentemente das cifras de cada concello". Neste novo procedemento incluiríase ademais a utilización das barras, "de forma individual e con distancia".

Noticias web

26/08/2021