CRTVG

Buscar

A Xunta reclama un protocolo básico estatal para o vindeiro curso escolar

Publicado o 16/08/2020 16:18
A Xunta reclama un protocolo básico estatal para o vindeiro curso escolar

O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuíña, pediu que na reunión do Goberno central coas comunidades autónomas sobre o inicio do curso escolar se aborde un "protocolo básico" para todo o Estado para logo "complementalo a nivel de cada autonomía". Nunha entrevista na Radio Galega, Almuíña atribuíu parte das "dúbidas" das familias e dos representantes sindicais ante a volta ao colexio en parte "á variación de respostas entre comunidades autónomas".

"Non pode ser que haxa diferenzas, porque xeramos inseguridade na sociedade", argumentou. En calquera caso, defendeu que o protocolo presentado pola Consellería de Educación é "moi bo" e trasladou "tranquilidade" aos pais, aínda que non se poida dicir que "non vaia haber ningunha infección". Ademais, sinalou que nin en Galicia nin "a nivel global" hai fixado un nivel para partir do cal quedaría suspendida a actividade nas aulas.

Os docentes, apuntou, someteranse a tests serolóxicos antes do inicio das clases e animou a empezar con "normalidade". Con todo, admitiu que existe a posibilidade de que a situación recomende nalgún caso o peche "dun ou dous" centros.

Reclama seguridade xurídica para tomar medidas

O conselleiro manifestou que lograr ese protocolo básico é unha das propostas galegas para o Goberno central, xunto coa dunha modificación legal que permita ás comunidades adoptar medidas fronte á covid-19, que "clarifique competencias" e que fixe "que materias hai que ratificar a nivel xudicial e cales non". Isto faría que as autoridades sexan "máis rápidas" ao tomar decisións, defendeu.

"O ministro coincide comigo; outra cousa é a formulación de como facelo", asegurou Almuíña, que explicou que redactar e aprobar unha lei requirirá de consensos nun Congreso sen maioría absoluta. O conselleiro, que onte remitiu unha carta sobre este asunto ao ministro Illa, apostou por "un marco de mínimos e logo unha aplicación individualizada en cada comunidade". 

Agarda o aplanamento da curva na Coruña na vindeira semana

Respecto á situación epidemiolóxica na área sanitaria da Coruña, que concentra máis do 60 por cento dos casos activos e está suxeita a normas máis restritivas para tratar de frear os contaxios, o responsable de Sanidade considerou que o crecemento "non é exponencial", senón "progresivo", e dixo que cre que na próxima semana "se pode producir unha estabilización e mesmo un aplanamento" da curva.

Así, defendeu as medidas tomadas na zona e recoñeceu o traballo dos alcaldes e as ordes para que os policías locais estivesen máis atentos ao cumprimento das normas. Referiuse tamén aos rumores falsos sobre restricións da mobilidade e apostou por lanzar "unha mensaxe de tranquilidade e responsabilidade" á cidadanía. O comité clínico, insistiu, toma decisións "desde o punto de vista da saúde" e "todas as medidas están abertas para poder tomalas". "Se hai que tomar medidas de maior restrición, tomaranse, pero non ten por que ser así e esperamos que non o sexa", agregou.

Defende o sistema de rastrexo

Sobre as polémicas polo sistema de rastrexo de contactos, o conselleiro considerou que "axudan pouco" e indicou que o que hai na comunidade é "un conxunto de profesionais que buscan casos activos e contactos". Neste dispositivo un "elemento importante" é a atención primaria, á que se suman os técnicos de saúde pública, os servizos de medicina preventiva e un centro de seguimento de contaxios, que "vai crecendo día a día segundo as necesidades". "Non podemos ter un persoal pechado", dixo.

 

 

Noticias web

16/08/2020