CRTVG

Buscar

A Xunta fará tests serolóxicos ao persoal dos colexios antes do inicio do curso

Publicado o 14/07/2020 17:30

• Propón crear grupos de convivencia de ata 25 alumnos en infantil e primaria sen contacto entre eles

A Xunta realizará tests serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos antes de que comece o curso. É unha das normas recollidas no protocolo acordado polas consellerías de Educación e Sanidade de cara ao novo curso. O uso de máscara, manter a distancia interpersoal e facer grupos de alumnos que só intereactúen entre eles, destácanse como medidas esenciais para conter a pandemia. O documento será analizado na mesa sectorial do ensino non universitario este xoves.

A Xunta anunciou este martes a intención de facer un test serolíxico a todo o persoal dos centros educativos de Galicia antes do inicio do próximo curso escolar para previr a epidemia de coronavirus, unha medida que será analizada este xoves nunha reunión cos principais axentes do sector.

A iniciativa, adoptada polas consellerías de Educación e de Sanidade, inscríbese nun plan de prevención para o curso escolar 2020-2021 en todos os centros educativos, salto universidades, que inclúe medidas de carácter organizativo, formativo e pedagóxico, anuncia o Goberno autonómico.

Como parte dese plan, "todo o persoal -docente e non docente- e o alumnado deberá realizar cada día un autodiagnóstico", indica a Xunta nun comunicado, e en caso de ter síntomas deberá "contactar cun centro de saúde", precisa. Como medida preventiva, "cada centro contará cun espazo de uso individual para illar o alumnado que presente síntomas, mentres se xestiona o seu traslado", indica a Xunta.

Por regra xeral, os alumnos deberán manter un metro de distancia como mínimo para poder retirar a máscara de protección, "a condición de que permanezan sentados na aula en pupitres e coa mesma orientación", engade a nota. "No caso de que estas distancias non se poidan cumprir polo tamaño das aulas, retirarase o mobiliario que non sexa indispensable ou se empregarán aulas de maior dimensión e, como última medida, será necesario o uso da máscara en todo o horario lectivo"

Os centros de educación infantil e primaria poderán optar por establecer grupos estables de aula ata un máximo de 25 alumnos, pero "deberán evitar a interacción con outros grupos".

Ademais, "todos os membros da comunidade educativa terán que usar a máscara fóra das aulas, onde a distancia que se deberá manter será de 1,5 metros".

O uso da máscara será "obrigatorio" para circular polos puntos de acceso, corredores, zonas de recreo, biblioteca ou de entrada e saída ao comedor.

Os comedores quedará limitados a unha "capacidade suficiente para ter ao alumnado separado por 1,5 metros, ou 1 metro se non están uns fronte a outros" e para aumentar a capacidade "poderán facerse varias quendas, en función da capacidade horaria do transporte e do persoal dispoñible para atender aos comensais".

En canto ao transporte escolar, a ocupación nos vehículos "será determinado en cada caso polo órgano autonómico ou estatal competente", aínda que inicialmente poderán ocupar "todas as prazas" sempre que os viaxeiros e o condutor leven máscara.

Noticias web

14/07/2020