A Xunta quere saber que medidas vai adoptar o Goberno central sobre os vagóns caídos ao Sil
Seguen en marcha as investigacións sobre a caída ao río Sil de dous vagóns do tren descarrilado en Carballeda de Valdeorras. A Xunta remitiulles hoxe senllas cartas aos ministros de Transportes e de Transición Ecolóxica para pedir explicacións sobre este asunto.
A Consellería de Medio Ambiente pide información sobre o que cualifica como unha conduta totalmente inadmisible e quere saber que medidas vai adoptar o Goberno central.
A Xunta ten aberta a súa propia investigación, mañá os seus axentes mediombientais volverán inspeccionar este lugar, onde hai oito días descarrilou un tren de mercadorías sen provocar feridos nin verteduras.
O problema é que un dos vagóns do tren foi parar ao río Sil e outro quedou no terraplén, despois de que supostamente os guindasen dende a vía. O Adif asegura que tamén van investigar o sucedido, pero xa adiantan que os vagóns caeron por accidente cando trataban de encarrilalos, e que agora están a traballar para paliar os danos.
A maioría de partidos políticos xa pediron responsabilidades, e asociacións ecoloxistas denuncian o que consideran un atentado contra o medio natural.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tamén asegura que lle vai abrir un expediente ao Adif se se demostra que guindou os dous vagóns.