CRTVG

Buscar

A Xunta ultima o protocolo do lecer nocturno co sector, que inclúe o certificado covid

Publicado o 27/09/2021 11:37

Os pubs e as discotecas poderían abrir xa esta próxima fin de semana en Galicia, pero para acceder a estes locais de ocio nocturno será preciso contar co certificado de vacinación, co de que se pasou a enfermidade ou un test negativo recente. 

Esa é a intención da Xunta de Galicia. De feito, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, instou este luns en Vigo a todos os galegos vacinados que aínda non o fixeran a que soliciten o certificado de vacinación, o cal será necesario para acceder aos locais de lecer nocturno.

Tras a reunión do pasado xoves, que foi "francamente ben", con "bastantes puntos de acordo", dixo Comesaña, esta tarde o conselleiro está citado de novo cos representantes do sector para estudar as súas alegacións ao documento que a Xunta lles entregou a semana pasada e poder "pechar eses detalles".

"Non creo que haxa ningún cambio importante na filosofía do documento", dixo o conselleiro. "Espero poder pechalo hoxe con eles e mañá levalo ao comité clínico e este mesma fin de semana poñelo en funcionamento". Desta forma, se os cambios se veñen aplicando como nas medidas implantadas pola Xunta nos últimos meses, xa na noite do venres ao sábado eses locais poderían abrir con esas condicións. Non obstante, habería que agardar a que se concretase na norma cando se publique no Diario Oficial de Galicia.

García Comesaña subliñou que a previsión é que se poida solicitar o certificado de vacinación nos establecementos cun nivel 2 de compromiso, sempre seguindo o que determine o Tribunal Supremo.

"Na petición que no seu momento se fixo estaba precisamente a petición do certificado para o lecer nocturno. Foi en primeiro lugar rexeitado polo TSXG pero a sentenza do Supremo dálle a razón á Xunta. Se se permite solicitar o certificado no lecer nocturno e é o que imos concretar se hoxe se pecha todo na reunión e mañá ten o documento o aval do comité clínico", explicou.

O que non está de momento sobre a mesa é ampliar o horario de apertura máis aló das 4 da mañá.

"Galicia sempre se caracterizou por ter sentido e prudencia, e cremos prudente facer unha primeira etapa con este horario e se as cousas van ben sempre é fácil revisalo e ampliar, pero de momento cremos que non é prudente", sinalou o conselleiro.

Noticias web

27/09/2021