CRTVG

Buscar

A Xunta proponlle ao Goberno unha batería de descontos para a AP-9

Publicado o 18/02/2021 15:18

Di a Xunta que o modelo que suxire busca que os 50 millóns que os orzamentos do Estado dedican á autoestrada do Atlántico se traduzan en descontos útiles e xustos para os usuarios.

Entre as propostas que mandarán ao Goberno adiantan dúas. O retorno gratis para vehículos lixeiros con telepeaxe de luns a domingo. A esta bonificación suxiren un 25 % adicional na ida para os que regresen en menos de 24 horas, agás domingos e festivos, pensando en traballadores con horario de noite, que comezan a xornada laboral un día e acaban ao seguinte.

Canto aos transportistas, a Xunta propón bonificar o 60 % das viaxes de ida e volta dos vehículos pesados.

"Cremos que tendo en contas eses 50 millóns consignados, á concesionaria non lle suporía un maior custe, pero tampouco un beneficio. O beneficio sería para quen ten que ser, os usuarios. Trasladarémoslles estas propostas ao Goberno central, ademais de recordalle outros compromisos que ten coa AP-9". 

Nos vindeiros días a Xunta presentará o seu modelo de descontos, que inclúe rebaixas para máis colectivos e unha previsión económica desas bonificacións.

Noticias web

18/02/2021