A Xunta propón contratos de ata tres anos de duración para Atención Primaria
• Os médicos piden reforzar o servizo na comisión de investigación
• Feijóo anuncia un "acordo histórico" de mellora do emprego público
A Xunta porá en marcha nos próximos meses un novo modelo de contrato para médicos de familia e pediatras. Terá unha duración mínima dun ano e un máximo de tres e con el o Sergas pretende darlles unha maior estabilidade laboral ao tempo que se garante unha mellor atención aos doentes.
Co novo modelo que propón o Sergas buscan evitar, din, o encadeamento de contratos e cubrir as necesidades asistenciais en cada momento. Terá unha duración mínima de doce meses prorrogable a tres anos. Os médicos de familia e pediatras contratados por este sistema consultarán en dous ou máis centros de saúde do mesmo distrito, aínda que se é un centro grande limitaranse a atender ese.
"Vai intentar mellorar as condicións de atención nos centros de saúde e dar estabilidade a todos os profesionais médicos de atención primaria que se estean formando neste momento, a todos os que teñen contratos temporais actualmente ou os que queiran traballar en Galicia, xa sexan médicos da UE ou extracomunitarios", explicou Alberto Núñez Feijóo.
A Xunta levará esta proposta de contrato á mesa sectorial de Sanidade que se reunirá este venres.