CRTVG

Buscar

A Xunta promete "axilidade" nas axudas á hostalaría, que pide ás administracións "coordinación"

Publicado o 22/01/2021 18:08

 A Xunta comprometeu "maior axilidade" e "menos requisitos" para acceder ás axudas para o sector da hostalaría, a través do segundo plan de rescate que prevé activar en febreiro, segundo informa tras unha reunión cos seus representantes.

Pola súa banda, hostaleiros piden ás administracións "coordinación" e que colaboren economicamente para aumentar as achegas a través dun plan de rescate. Ao encontro asistiron, segundo informa a Xunta, a titular de Emprego, María Jesús Lorenzana, así como o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o seu homólogo de Sanidade Julio García Comesaña, xunto a representantes da mesa de negociación da hostalaría e do Clúster de Turismo.

A través deste plan para traballadores autónomos, microempresas e o sector da hostalaría pechado, a Xunta destinará "un mínimo de 50 millóns de euros adicionais, que se suman aos 86,2 millóns da primeira convocatoria", explica nun comunicado.

Sobre o contido da reunión, o vicepresidente primeiro da Xunta avanza que se axilizarán os trámites "para pagar o máis rápido e chegar a máis xente". "É o momento de sumar, de que todas as administracións poñámonos de acordo para xuntar esforzos e sexamos capaces de crear un fondo en que todos acheguemos", dixo con vistas á reunión do luns con representantes tamén dos concellos e as deputacións para implantar un modelo similar ao de Valencia.

Nun encontro en que o conselleiro de Sanidade explicou ao sector a situación actual da pandemia, a titular de Emprego trasladoulles a intención da Xunta de implementar "medidas reais e axudas directas que acheguen liquidez para afrontar gastos e gañar viabilidade". Así, nesta fase da pandemia, a Xunta asegura que se simplificarán os trámites e requisitos para obter axudas.

Entre as novidades propostas, indica, están que os autónomos non teñan que acreditar prestación por cesamento de actividade e que tampouco se esixa ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ás axudas. Respecto das axudas do primeiro plan, afirma que chegaron ao 90% dos máis de 40.000 solicitantes que cumpriron cos requisitos por importe de 66 millóns de euros. De todas as solicitudes recibidas, 24.000 chegaron do sector da hostalaría, "das que 20.000 están abonadas".

Ao termo da reunión, representantes do sector da hostalaría incidiron na "situación dificilísima" pola que están a atravesar e pediron ás administracións autonómica, provincial e municipal que "se poñan de acordo" para unha achega ao 50% por parte da Xunta e o resto distribuído nun 30% entre as deputacións e un 20% no caso dos concellos. "Que deixen fóra as cores políticas e que pensen en salvar empresas", resumiu o presidente da Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, de cara á reunión convocada para o luns.

Tanto el como o representante da hostalaría de Lugo, Cheché Real, reclamaron un "portelo único" para recibir as axudas e que sexa a través da Xunta. "Necesitamos esa inxección inmediata", insistiu Cheché Real.

Mentres, César Ballesteros, presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra, aludiu á necesidade de "axilizar canto antes" as axudas e resolver tamén "algunhas problemáticas das primeiras que achegou a Xunta", apostilou en referencia a requisitos polos que algúns representantes da hostalaría quedaron excluídos. "Erros como que, por ter aprazados pagos á Seguridade Social, o sistema informático dáballes como debedores e denegáballes as subvencións", citou, entre outros exemplos.