CRTVG

Buscar

A Xunta prohibe as reunións de máis de 5 persoas en todo o municipio de Arteixo e no barrio lugués da Milagrosa

Publicado o 28/08/2020 14:57

• Todo o concello de Lugo terá restricións similares ás que rexen agora na Coruña | Consulta no DOG todas as novas medidas

A raíz dos datos epidemiolóxicos, o conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña anuncia medidas na cidade de Lugo, as mesmas que na área sanitaria da Coruña. Tamén comunica maiores restricións en concreto no barrio da Milagrosa, aplicadas por igual tamén no concello de Arteixo.

A partir desta medianoite non poderán haber reunións de máis de cinco persoas no barrio da Milagrosa. É unha das restricións impostas para este barrio que hoxe anunciou a Consellería de Sanidade: limítanse as reunións a cinco persoas, queda prohibido consumir no interior dos bares e das cafeterías, que só poderán atender nas terrazas, e en todo caso nunca a máis de cinco persoas xuntas. No caso dos restaurantes si que poderán atender no interior, pero tamén a un máximo de cinco persoas por mesa.

Son medidas que entran en vigor ás doce da noite, e que serán exactamente iguais que as que se van aplicar en todo o concello de Arteixo.

Medidas no barrio da Milagrosa e Arteixo:

- As reunións de persoas non conviventes límitanse a un máximo de 5 persoas.

- O bares só ofrecerán servizo en terraza e con máximo de 5 persoas.

- Nos restaurantes, límite de mesas de 5.

- Poderán facerse celebracións familiares (comuñóns, bautizos, vodas...), mais deberán notificarse ás autoridades sanitarias para facer un seguimento.

Sanidade solicitará unha listaxe de traballadores no concello en contacto con moita xente (policía, taxi, farmacia, servizos municipais...) para facer cribados.

En cinco días revisarán e analizarán de novo a situación para estudar posibles novas medidas.

Medidas en Lugo

No resto da cidade de Lugo tamén hai restrición. Entroutras: non poderán xuntanse máis de dez persoas, redúcense á metade os aforos na hostaleria, prohíbense as visitas ás residencias e péchanse os centros de día.

No resto da cidade de Lugo aplícanse as mesmas medidas que as impostas na área sanitaria da Coruña:

- Límite reunións de máis de dez persoas.

- Prohibidas as festas e celebracións que poida ter aglomeracións.

- Redúcese a ocupación ao 50% nos locais.

- Prohibidas as visitas e saídas a residencias de maiores..

- Péchanse os centros de día.

Os datos de incidencia epidemiolóxica (casos por cada cen mil habitantes) de Arteixo -121- e de Lugo -181- están moi por riba da media galega -62- e a española -90- na última semana.

As medidas entran en vigor esta medianoite.

Lugo, no foco de atención

A maioría dos casos están relacionados co gromo que se orixinou nunha festa nun pub e que xa suma máis de 60 casos positivos.

Sanidade advirte ademais os locais que incumpren as normas. "Hai bares que actúan como se fosen de ocio nocturno e aí prodúcense gromos", manifestou o doutor Sergio Vázquez do comité clínico. "Poderían pecharse cautelarmente os locais", engadiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

Na residencia de maiores do Incio, con 113 infectados, 87 deles son usuarios e 26 son traballadores, por segundo día consecutivo non rexistra novos casos. Sanidade ultima os detalles de como se vai desenvolver o cribado aos veciños do municipio. Todo apunta a que se centrará no persoal dos servizos públicos e nos veciños da Cruz, onde se encontra a residencia.

Sanidade considera estabilizado o gromo de Monforte. Nos ultimos días freou a súa evolución. Os infectados achéganse aos 100. Do cribado que se está a facer entre o persoal de hostalería saíron dous positivos nas últimas horas. Faranse 180 probas a este gremio, en total na cidade xa se fixeron máis dun milleiro de PCR.

A provincia rexistra hoxe 547 casos activos 65 máis ca onte.