CRTVG

Buscar

A Xunta prevé completar en xaneiro a vacinación en residencias libres de covid

Publicado o 18/01/2021 12:40

A conselleira de Política Social, Fabiola García, apuntou este luns que o obxectivo da Xunta é completar en xaneiro a vacinación contra a covid-19 entre usuarios e traballadores das residencias de maiores en que non haxa gromos.

Naquelas onde haxa contaxios activos, que segundo o último parte actualizado suman 560, dos cales 360 entre usuarios, haberá que esperar un tempo máis, admitiu García durante unha visita ás instalacións da ONG Provivienda en Vigo.

O Servizo Galego de Saúde comezou onte domingo a dispensar a segunda dose da vacina contra o coronavirus nun centro de maiores de Santiago de Compostela.

A conselleira de Política Social valorou que Galicia sexa "líder nacional no proceso de vacinación", asegurou que "non vai haber ningún tipo de descanso" e fixo votos porque "negativicen pronto" aqueles casos que impiden, de momento, estendelo á totalidade dos xeriátricos da comunidade.

"Desexamos que isto acabe pronto, pola saúde e o benestar físico e emocional dos maiores", proclamou García, pois a vacinación é "a única vía" para que estean "inmunizados".

Polo demais, subliñou que a Xunta mantén "a tutela" de todas as residencias de Galicia desde o estalido da pandemia e que aquelas que intervén non o fai "con ánimo de castigo", senón coa intención de "axudar, botar unha man", ata que poida "volver á normalidade".

Garantiu que o control e o seguimento dos xeriátricos por parte do seu departamento e o de Sanidade son "constantes", e que se achegan todos os recursos que sexan necesarios cando a situación o esixe. Nestes momentos soamente está intervida a residencia Paz y Bien de Tui.