CRTVG

Buscar

A Xunta presenta a estratexia para fomentar o sector vitivinícola galego

Publicado o 27/07/2021 15:41

Consellos reguladores, adegueiros, viticultores, investigadores... ninguén faltou na elaboración dunha estratexia que se propón consolidar o viño como motor de riqueza, emprego e turismo do medio rural.

José González, conselleiro do Medio Rural, di que "buscamos aumentar a competitividade dos viños galegos no mercado nacional e internacional e aumentar a xeración de valor engadido nos territorios que se produce".

O documento contén 46 medidas e case 300 accións para potenciar o sector. Búscase mellorar o cultivo, fortalecer a industria, ou abrir novos mercados con iniciativas como unha marca paraugas para todo o viño galego en que cada denominación conserve a súa personalidade.

José Manuel Rodríguez González, presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, asegura que "se busca usar a marca Galicia como sinónimo de calidade común, aproveitar as sinerxías para vender o produto cunha marca conxunta".

Cun investimento superior aos 700.000 euros a estratexia busca tamén dinamizar as comarcas do viño coma imáns dun turismo sostible.

Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia di que "viño significa dinamismo rural, reactivación económica e unha oportunidade contra o despoboamento".

A folla de ruta dun sector que xera un valor económico de máis de 230 millóns de euros anuais.



 

Noticias web

27/07/2021