CRTVG

Buscar

A Xunta prepara a estratexia do cambio climático cun pulo ao vehículo eléctrico e compartido

Publicado o 31/01/2019 20:56

A estratexia que propón a Xunta para conseguir a neutralidade climática, isto é, compensar a emisión de gases de efecto invernadoiro, inclúe medidas marcadas pola axenda internacional e outras propias que se resumen en catro obxectivos: mitigación, adaptación ao cambio climático, investigación e concienciación social. E entre as iniciativas en que xa están a traballar as consellerías implicadas está o pulo ao vehículo eléctrico ou compartido, fomentar as certificacións forestais, mellorar os sistemas de alertas para previr catástrofes naturais, incentivos ás renovables ou a proxectos de eficiencia enerxética.

1.917 rutas de bus escolar compartido
O Goberno galego tamén acordou hoxe ampliar o modelo de transporte compartido, que é como se chama o sistema de usar as prazas vacantes dos buses escolares para o traslado doutros pasaxeiros, sobre todo no rural. A partir de mañá van someter a información pública a primeira parte dos novos mapas de liñas de autobús e nese documento propoñen que sexa compartido o 35% do transporte escolar, isto son 1.917 rutas a 250 colexios e 100 contratos. Agardan chegar ao 55% dos servizos nos próximos meses. E como novidade, nun mesmo centro non poderán convivir buses compartidos cos que non o son.

A Xunta impulsa 15 novas casas niño
A Xunta tamén anunciou que nas vindeiras semanas vai abrir 15 novas casas niño nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, co que xa serán 61 as que hai en toda Galicia. Na última convocatoria de axudas para abrir unha casa niño non houbo solicitudes na provincia de Pontevedra, así que Feijóo anima os concellos que non teñen gardería a que se presenten á convocatoria que prevén lanzar neste primeiro semestre. O Goberno galego dedicará 1,2 millóns a subvencionar outras quince.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/01/2019