CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno reformas para establecer "cordóns sanitarios"

Publicado o 15/08/2020 18:49
A Xunta pídelle ao Goberno reformas para establecer "cordóns sanitarios"

Galicia solicitou ao Goberno central reformar as medidas lexislativas para loitar contra a pandemia de covid-19, entre as que figuran establecer "cordóns sanitarios" ou restrinxir o dereito de reunión co fin de evitar contaxios. Así o solicitou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha carta enviada ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que avoga por dar "seguridade xurídica", informa a Xunta nun comunicado.

A Xunta propón facer cambios normativos que introduzan medidas suficientes para previr a propagación do coronavirus e "evitar ter que percorrer continuamente ao denominado estado de alarma", que permite ao Goberno central restrinxir temporalmente a mobilidade da poboación. "As comunidades autónomas necesitan ferramentas lexislativas que vaian máis aló das autorizacións xudiciais, e que lles acheguen seguridade xurídica á hora de establecer medidas ou restricións en cada unha das autonomías", indica o conselleiro.

Así, suxire que a nova lexislación permita ás autoridades "a posibilidade de adoptar medidas xerais" tales como "cordóns sanitarios, ou o posible confinamento da poboación ou a opción de limitar o dereito de reunión". O representante da Xunta de Galicia, que achega as suxerencias cun informe xurídico, indica que segundo algúns xuristas, "no caso de que estas medidas conten con carácter xeral, non estarían suxeitas á ratificación xudicial para poder ser adoptadas".

Subliña, ademais, que a modificación lexislativa debería "definir cales serían as competencias estatais e autonómicas" en casos de que a situación "afecte a máis dunha comunidade", como é o caso dos desprazamentos de persoas entre comunidades autónomas. Así mesmo, en aras de previr e evitar a propagación da pandemia de covid-19 nos próximos meses e de establecer medidas de coordinación, Almuiña propón unha reunión monográfica para estudar "medidas xerais" sobre o retorno dos alumnos ás aulas.

Noticias web

15/08/2020