CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno flexibilizar o acceso dos autónomos ao terceiro plan de rescate

Publicado o 12/07/2021 17:06

O 70 por cento dos fondos destinados a Galicia, uns 170 millóns de euros, están aínda dispoñibles. Para a Xunta, é a evidencia da rixidez das condicións do real decreto que regula estas axudas a autónomos e microempresas afectados pola Covid. Por iso a Consellería de Emprego solicitoulles á vicepresidenta económica e á ministra de Facenda unha rectificación.

"Eliminar a necesidade de que as axudas estean destinadas ao pago de débedas, e que só se esixa o descenso no volume de operacións", di María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade.

Din que esta condición penaliza aqueles que se esforzaron por levar os pagos ao día. Unha reflexión que comparten os autónomos. "Son incumpribles para a maioría dos autónomos. Non son capaces de demostrar que teñen débedas, porque a maioría deles fixéronse cargo dos pagos ao provedores", asegura Eduardo Abad, presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos.

"As condicións para estas axudas son moi estritas, fan que resulten un fracaso, hai un exceso de carga burocrática" di Sonia Acuña, secretaria xeral da Asoc. de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia.

A Consellería de Emprego apela á súa "escasa marxe de manobra" e amplía o prazo de solicitude ata o 30 de setembro, e flexibiliza ao 30 por cento a caída de facturación. O resto, din, depende da resposta do executivo.

"Estou segura de que o Goberno quere que as axudas cheguen aos autónomos e empresas, e non que volvan ao Ministerio", explica a conselleira.

As axudas oscilan entre os 3.000 e os 30.000 euros.

Noticias web

12/07/2021