A Xunta pídelle ao Goberno que pague a totalidade do diñeiro que lle debe
• O vicepresidente Rueda insiste na chantaxe do Ministerio
• Ana Pontón cualifica de "pitorreo" o anuncio do Goberno
O presidente da Xunta mantén que o goberno central carece de razóns obxectivas para demorar o pago ás comunidades autónomas. Para Alberto Núñez Feijoo, a decisión de desbloquear os cartos, agora tras a convocatoria electoral demostra que Galicia tiña razón na súa reivindicación. E pide que non se fraccione a entrega do diñeiro.
"Ao principio, cando empezou a aflorar esta débeda dicíase que era un invento da Xunta. Despois, aceptouse a débeda pero decíase que non se podía pagar. Logo, que había un informe da Avogacía do Estado, que, primeiro non existía, pero que se fixo posteriormente. Díxose que se resolvería en decembro e agora, ás poucas horas de coñecerse a nova convocatoria electoral, din que van pagar unha parte e a deixar a deber outra". "Non merecemos esta forma de gobernar tan frívola en España", afirma.
Núñez Feijoo esixe o pago inmediato de 700 millóns de euros, unha cantidade que, di, pertence á Facenda Galega e que precisa os servizos públicos para chegar á fin de ano.
"Nós precisamos eses 700 millóns de euros para que non haxa tensións de tesourería, para pagar en tempo e prace a paga extra do Nadal, os fármacos do mes de decembro, a dependencia dos maiores dese mesmo mes. Pedimos respecto, e que se libere a totalidade do diñeiro porque non é do Goberno cental senón da facenda galega e é dos servizos públicos galegos", asegura.
A Xunta, reclama dende hai semanas estes cartos porque defende que estar en funcións non exime ao Goberno central de liberar os fondos.