CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno central que non limite as concesións de costa a 75 anos

Publicado o 10/04/2019 15:36

A Xunta cifra en 4.934 as edificións que estarían afectadas en Galicia pola proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica de limitar as concesións de litoral público a 75 anos en total. Entre elas, hai colexios, centros médicos e un cento de empresas.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apuntou que "estamos falando de depuradoras, cetarias e fábricas de conserva. Pero temos que analizar o impacto porque a redacción do regulamento que nos formula o ministerio non é o suficientemente claro e non sabemos se tamén están afectadas as concesións dos parques de cultivo e das bateas".

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, argumentou que o ministerio "ten que frear isto, que non pode seguir adiante porque o prexuízo para Galicia é moito a nivel económico pero tamén no ámbito educativo, social e incluso sanitario".

Esta mañá, as conselleiras de Medio Ambiente e do Mar analizaron a situación coa Federación Galega de Municipios e Provincias. O seu vicepresidente, Alfonso Villares, dixo que cada concello vai avaliar o impacto da norma, e referiuse ao seu caso concreto.

"O concello de Cervo é un concello costeiro e temos unha serie de concesións afectadas e dende logo este regulamento non afecta positivamente, nin moito menos, afecta negativamente", afirmou.

A Xunta xa presentou alegacións ao texto do Ministerio.

Noticias web

10/04/2019